O PELIQUEIRO

O Peliqueiro, fóra de ser un disfraz, é un sentimento. É a figura máis importante do Entroido de Laza. Corre dun lado a outro impoñendo a súa autoridade e un estilo imposible de copiar por moito que se intente.

As súas orixes son confusas. Debe o seu nome á pel ou pelica que leva a careta na parte posterior, tapando a cabeza. O traxe de Peliqueiro (porque é un traxe, non un disfraz), componse de varias pezas: Careta, Chaqueta, Pantalón, Zamarra e Chocos como pezas principais; máis outros accesorios de menor tamaño, pero non menos importantes.

A cara da Careta está tallada en madeira, ben de bidueiro ou de amieiro. Nela está cravada a Mitra. Antigamente esta era de lata, mais pesada, pero agora é de aluminio. Pola parte posterior está a Badana, de pel de becerro. A función que ten é, xunto co Gorro, de suxección para que non se caia da cabeza. Ademáis, nela vai pegada a Pelica, que antigamente era de pel de gato e que agora, é substituí­da por unha sintética. Na parte inferior leva unha prolongación a modo de rabo. Na parte superior leva unha Rabeira, de rabo de cabalo. Dos extremos colgan dous Pondóns.

Nos ombreiros leva unhas Charreteiras, similares aos traxes militares antigos. Na parte inferior, tamén vai decorada cun fleco de cor dourada. O resto da chaqueta está decorada con outros adornos, ao estilo das chaquetas de toureiro. Sobre esta, vai colocada a Pañoleta, de forma triangular. Segundo se dexese pode ser máis ou menos artesanal.

Ao redor da cintura leva seis Chocos dunha aleación de ferro e bronce. Cada un deles pesa 1.5 kg, aproximadamente. O cinto, é de pel, posto que ten que ser resistente para suxeitar o peso total dos Chocos.

A parte interior ou base do Pantalón é de tea liño. Ao redor van 4 filas de trenzado de lá e sobre estes, outras catro filas de encaixes de gancho cuns pondóns decorando na parte inferior. O fí­o co que están feitos os pondóns e encaixe, é de algodón. O peso pode variar dependendo do tamaño, pero ronda os 8-10kg dun adulto.

Equivocamente, a Zamarra é o medio polo que máis é espetado o Peliqueiro. Lévase a modo de látigo na man dereita. Á medida que se corre, esta móvese dun xeito peculiar. Está constituí­do por duas partes: unha rí­xida, de madeira, e outra flexible, feita de badana ou pel moi fina. Únicamente se usa a modo de látigo contra aqueles que non respectan ao Peliqueiro ou se interpoñen no seu camiño.

Outros complementos de menor tamaño, pero que tampouco poden faltar son: Pañoleta, Camisa, Garabata, Faixa, Ligas, Medias e Zapatos.

Hai algo máis fermoso?

AS FORMIGAS

A orixe das Formigas dentro do Entroido non está moi clara. Un escritor chamado Xosé Alonso Obregón citaas no libro “Na miña aldea”. Conta que no pobo de Laza habí­a un Xuí­z que non era moi entroideiro, pero tiña un secretario que si o era. Chegado o Entroido, o Xuí­z encargoulle moito traballo, así­ que o pobre secretario non podí­a gozar. Os amigos deste, acudiron a verlle para que lle deixase ir con eles. Ante a negativa do Xuí­z, os amigos botáronlle un saco de formigas.

A dí­a de hoxe, as Formigas seguen baixando de Cimadevila, o luns pola tarde, acompañando á Morena e ao Burro. Son dunha raza que en Laza coñécense como Cabalarias, xa que o seu tamaño é considerable. Son dunha cor avermellada.

Os lázanos coidan os formigueiros durante o ano. Ocúpanse de que teñan que comer durante os crudos invernos que aquí­ temos. Forman parte da nosa cultura e tradicións locais desde a noite dos tempos.

A CACHUCHA

A Cachucha, como case todo o mundo sabe, é a cabeza do porco. O luns de Entroido pola tarde, desde que se retiran as Formigas e a Morena da Picota, repártense as cachuchas, o pan e o viño. O pobo de Laza dá a proba da cachucha cocida a aqueles que se achegaron ao Entroido.

A XITANADA DOS BURROS

O luns pola maña, mentras os farrapos invaden a Picota, a Xitanada dos Burros percorre as calles do pobo. Ataviados con vestimentas xitanas, adultos e pequerrechos subidos aos carros  de burros, animan a mañá do luns.

O TESTAMENTEIRO

O Testamenteiro, é unha figura moi importante dentro do Entroido en Laza.

O Martes de Entroido, despois de que saian as carrozas, sobre as 7 da tarde, lese o Testamento. Durante o ano, nos pobos de Laza, Souteliño ou Cimadevila, sempre morre algún burro. O Testamenterio, a modo de versos con rimas, pon ao pobo ao corrente das cousas que pasaron entre os veciños ou aquelas cousas que se ocultaron para que non se saiban. Unha vez finalizada a lectura dos aconteceres do pobo, pásase a repartir as partes máis importantes do Burro. Non se desperdicia nada de nada. Os veciños que “mellor” se portaron, serán os que leven o mellor cacho no reparto.

A MORENA

Trátase dunha cabeza de vaca, feita de madeira. Da parte posterior parte unha vara de madeira, da que colgar unha manta, que imita o lombo da vaca. A Morena representa a unha vaca que houbo en Cimadevila. Cóntase que un bo dí­a escapouse do curral e arremeteu contra as mulleres que estaban tomando o fresco.

Sae de Cimadevila o luns pola tarde, acompañada das formigas, toxos e cobelleiros, e como non, do Burro e o seu xinete, que será unha persoa seleccionada entre as presentes. Será unha sorpresa ata o momento decisivo de baixar cara a Picota.

A Morena, imitando aquela vaca, trata na Picota de levantarlle as saias as mulleres. Éstas, tratan de taparse ou de escapar sendo todos sorprendidos polas formigas, a fariña e os toxos.

OS MARAGATOS

A figura do Maragato é unha figura que nos últimos anos está recuperando importancia. Consiste nunha “imitación de mala calidade”, que queda moi lonxe de ser o mesmo, pero que si pode chegar a ter algún elemento da vestimenta do Peliqueiro, pero en moi baixa calidade. As vestimentas son feitas incluso de outros materiais diferentes aos que son os do Peliqueiro

Leva a cara tapada, con calquera cousa que se parezca a unha careta. Nalgúns casos, incluso do revés. A chaqueta soe ser sin adornos, ou levaos pintados. Por pañoleta levan un pano, ou un trapo calquera. No cinto, no canto de levar os 6 chocos como un Peliqueiro, levan un número menor (dous ou tres). Poden levar latas ou choquiñas de varios tamaños. O pantalón está feito de cadrozos de millo, de recortes de telas ou levan un simple pantalón curto. Levan calcetí­ns con zapatillas, botas ou calquera outro calzado vello. Por Zamarra levan un Mallo (utensilio moi antigo para golpear o trigo (mallalo), e sacarlle o grao nas eiras), unha vara ou un cobelleiro. A forma de correr de un Maragato, é un paso moi cansiño, arítmico. Van moi amodo fronte ao correr áxil do Peliqueiro.

OS FARRAPOS

O Farrapo é un anaco de trapo, manchado de lodo, terra etc., que se tira os uns aos outros o luns de Entroido pola mañá.

Fórmase unha autentica batalla campal.

Para que non haxa dúbidas, a farrapada consiste no seguinte:

Tirar o Farrapo a aqueles que van limpos de tal forma que non se dean conta, para deixarlles as vestimentas sucias. Tamén se pode utilizar a picaresca, arrimándote de maneira disimulada á victima para así, manchala. Así­ mesmo, cando se tira na Picota, tamén tense que ter en conta os materiais rompibles tales como os cristais das fiestras, portas, etc. Non tirar cara a eles. Tampouco se deben facer nós cos trapos, xa que podes facer dano a alguén. Ante todo, trátase de divertirse un pouco sen danar a ninguén.

O BURRO

Acompañando o conxunto que forman a baixada das Formigas de Cimadevila cara a Picota, vén un Burro. Como Xinete, vai unha persoa, que por un momento, convértese en parte activa do Entroido. Alguén importante por un momento. Vai escoltado polos homes máis veteranos e entroideiros de Cimadevila, protexendo ao Rei do Entroido por un dí­a.

A elección do xinete, corre a cargo dos vellos de Cimadevila. Só eles saben o perfil que buscan para semellante xinete.

O ARANGAÑO

O Martes pola noite, unha vez que escurece e se leu o Testamento, a Picota ponse de loito xa que un enterro invade a Picota. Procederase á queirma do Arangaño, que simboliza o Entroido.

O Entroido en Laza está formado por un conxunto de actos tradicionais e ancestrais que se van celebrando cada un dos dí­as. En cada un dos actos está presente algún elemento que é o centro da celebración nese momento.

Os sí­mbolos dotan de personalidade propia e inimitable, ao Entroido en Laza.